en Novas

A Xunta de Goberno extraordinaria do Concello de Pontevedra celebrada este venres aprobou as bases da convocatoria de axudas que o Goberno local deseñou para que micro pemes e persoas autónomas poidan paliar a primeira onda da crise da Covid-19.

O importe destinado a esta liña de subvencións, denominada  “Supera20”, ascende a 1.250.000 euros, e cada beneficiario pode conseguir ata 5.000 euros esperando que “neste ano teñan o importe nas súas mans”.

A maior parte dos conceptos subvencionables están pensados para que sexan asumidos por provedores locais ou da zona, co obxecto de propiciar que os beneficiarios das axudas invistan en negocios da contorna.

Poderán solicitar estas axudas as persoas traballadoras autónomas, e as entidades da economía social e micro empresas que empreguen a menos de 10 persoas e que acrediten que non tiveron actividade durante o estado de alarma, que a porcentaxe subvencionable poderá chegar ata o 70% do custo da actuación ou proxecto (cunha contía máxima de de 5.000 euros por solicitude), e que se contempla un anticipo do 75% do importe da axuda unha vez concedida.

O prazo será de 15 días, a partir do día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia por parte da Base Nacional de Subvencións, e a presentación de solicitudes deberá facerse única e exclusivamente a través da Sede electrónica. O Concello tamén habilitará un teléfono para aquelas persoas que teñan algunha dificultade cos trámites electrónicos.

As bases contemplan 5 categorías de actuacións, que non son excluíntes. Por unha banda están as actuacións de dixitalización e de implementación de tecnoloxías dixitais; outra categoría constitúena as actuacións para a mellora na accesibilidade exterior e interior dos locais, establecementos ou centros de traballo nos que se exerza a acividade económica, comercial ou profesional.

Unha terceira categoría inclúe actuacións de renovación, embelecemento e ornato dos locais, establecementos ou centros de traballo.

Ademais subvencionaranse actuacións para a redución do consumo de enerxía e mellora da eficiencia enerxética e finalmente outras actuacións necesarias para a mellora da actividade, como a adquisición de mobiliario e os peches de protección de escaparates.

Cada unha destas categorías contará cunha puntuación que será ponderada cunha categoría de “esforzo máximo da solicitante” que se corresponde coa porcentaxe de financiamento propio e que se baremará segundo unha fórmula detallada nas bases.

ACCEDE Á WEB DO CONCELLO

 

Fonte: pontevedraviva.com

 

Artigos recentes
Comunicado en defensa de ENCE