en Novas
A entidade lanza unha campaña en nome do comercio local: «Espéranos»

 

Agora mesmo e nos próximos días a prioridade está clara: acatar as disposicións do estado de alerta para frear ao virus e acabar coa pandemia e a emerxencia sanitaria. Pero de esguello mírase tamén á situación económica e ao escenario que pode darse unha vez que todo empezo a volver á normalidade. Neste sentido, o presidente da asociación de empresarios da pequena e mediana empresa de Pontevedra (AEMPE), teno claro: «O día despois da alerta vai ser tremebundo. Todos teremos que botar o resto para que isto non se vaia ao garete».

Nese «todos», Corujo engloba aos empresarios e aos empregados -moitos dos cales nas próximas semanas poden verse afectados por expediente de regulación temporal de emprego (ERTE)-, pero tamén aos clientes.A eles vai dirixida unha campaña que AEMPE puxo en marcha estes días a través das redes sociais. En nome do comercio local, a asociación lanza unha mensaxe a eses clientes: «Os comercios de Pontevedra estamos pechados, por ti e por nós. Cando volvamos, necesitaremos a túa axuda. Espéranos». O presidente de AEMPE lembra que «pode parecer que un mes é pouco tempo, pero a efectos dunha pequena empresa, conta moitísimo. Hai que facer fronte a alugueres, a nóminas, a pago de provedores…».

José María Corujo defende que nestes momentos o papel da asociación que preside ten que ser «tratar de enviar mensaxes que axuden e tranquilicen. Temos que tentar resolver dúbidas e ofrecer toda a información da que dispoñemos». Como responsable dunha asesoría de empresas, Corujo tamén está a xestionar directamente a tramitación de expedientes de regulación de emprego. «O ERTE -afirma- é unha boa ferramenta para unhas circunstancias tan excepcionais como esta, e beneficia tanto á empresa como ao traballador. Ten un principio e un final, non é un ERE ao uso. O problema está a ser que a súa tramitación non está a ser todo o áxil que desexariamos debido ao elevado número que hai». Neste sentido, Corujo bota en falta máis apoio desde a Administración. «Normalmente, a Administración só mira á fronte, xa ás veces é necesario tamén mirar aos lados. Podería haber medidas para que tramitar un ERTE sexa máis rápido», asegura.

 

FONTE: A Voz de Galicia

Artículos recientes